ROMANCE DE DON RAMÓN E AS SOMBRAS

Don Ramón percorría as rúas de Santiago coa solemnidade dun santo, barba de bruxo e sorriso de sapo. Ao seu paso víanselles os cornos aos caciques e o fociño branco aos xuíces. Os bispos vendían o ceo por catro moedas de barro. Sobre os tellados penduraba unha lúa de follata e, ao son dos seus propios ósos, bailaban os defuntos.

Por aqueles camiños ía Galicia, vella mendiga, cun rosario de pranto entre os dedos. Os seus fillos seguíana coma sombras. Don Ramón detívose diante dos espellos da feira. Coa súa pluma puxo alí os amos e os reis, e abondou con que se visen reflectidos para que a súa maxestade tivese o aspecto dun espantallo. Aínda me parece velo marchar rúa abaixo, manco e feiticeiro, polo reino de desencanto que soubo sacar da nosa miseria.

(José María Máiz Togores)