Hai terras das que un nunca marcha de todo, por moitos anos que pasen e por moi lonxe que viva. Para min, Galicia é unha desas terras. Está nas miñas lembranzas, nos camiños da infancia, nas voces das persoas que coñecín, nos veráns que nunca esquecín e nunha lingua que, malia a distancia, segue formando parte da miña vida.
Levo toda a vida en Madrid, pero unha parte de min continúa en Bertamiráns, no val da Maía, e en Vedra, no val do Ulla. Alí coñecín unha Galicia que foi cambiando co paso dos anos. A aldea que eu lembro xa non é a mesma: cambiaron as casas, os camiños, os costumes e tamén a maneira de falar. Moitas voces que formaban parte daquel mundo foron calando, e con elas perdeuse algo que ningún progreso pode devolver.
O galego no que escribo non naceu nas aulas. Tampouco é exactamente aquel galego da aldea que tanto me gustaba escoitar. É o galego que fun gardando ao longo da vida, aprendido de oído e coidado con teimosía, mesmo vivindo rodeado de castelán.
Coñezo as miñas limitacións e non pretendo dar leccións a ninguén. Pero é unha lingua á que lle teño un profundo agarimo, unha lingua que me achega ás miñas raíces e que non quero deixar morrer dentro de min. Por iso escribo nela: porque hai sentimentos, lembranzas e maneiras de mirar o mundo que só sei dicir en galego.
Este libro, Orballa saudade, reúne boa parte da miña obra nesta lingua. Hai poemas e hai prosa; hai amor e desamor, soidade, paso do tempo, soños e ausencias; hai lembranzas da infancia e da mocidade, reflexións sobre a vida e a escritura, historias de amor, perdas, encontros e despedidas. E hai, sobre todo, esa saudade que ás veces nos acompaña sen pedir permiso.
Non quixen ordenar os textos por datas nin por temas. Están mesturados, como se mesturan na memoria: un poema ao lado dunha lembranza, unha carallada ao lado dunha ferida. Así é tamén a vida.
Non todos estes textos foron escritos no mesmo tempo nin co mesmo estado de ánimo, e tampouco pretendo que todos teñan o mesmo valor literario. Son parte dun longo camiño persoal, con acertos, erros, ilusións e derrotas.
Escribo porque necesito facelo. Porque hai lembranzas que se resisten a desaparecer, sentimentos que buscan palabras e persoas que, mesmo despois de marcharen, seguen vivindo dentro de nós.
Se algún lector atopa nestas páxinas unha emoción compartida, unha lembranza semellante á súa ou simplemente unhas palabras que lle fagan compañía durante uns minutos, darei por ben empregado o esforzo.
Non aspiro a recuperar o tempo perdido. Iso é imposible. Aspiro, cando menos, a deixar constancia do que fun, do que vivín, do que amei e do que aínda permanece en min.
Porque hai terras que nunca deixamos de levar dentro. E Galicia, para min, sempre será a terra nai. (José María Máiz Togores)
