O TREN QUE NINGUÉN CONDUCE

A mensaxe do móbil era limpa, clara e nada nova:

«Cando chegues á casa, colle o pan que está na paneira e ponlle dúas lonchas de queixo da neveira. Fai os deberes, estuda un pouco e non xogues co ordenador. Pola noite falamos. Un bico».

Outro día máis do mesmo.

Chicho estaba farto da «educación epistolar» de súa nai, pero non tiña a quen llo dicir.

Onte, no colexio, tivo unha liorta co de sempre. Fuco, o fillo consentido dunha nai insoportable, despois de empurralo un feixe de veces no recreo, deulle un puñazo no nariz e rouboulle o bocadillo que mercara na tenda de fronte.

—Fala coa profesora —dicíanlle os amigos.

—Outra vez? Boa é esa! Dálle igual. Pensa que son eu quen o provoca. Xa mo dixo o outro día: «Chicho, deixa de picar os teus compañeiros ou terei que tomar cartas no asunto».

—E túa nai non di nada?

—Só a vexo cinco minutos ao día e non quere oír «cousas malas». «Imos falar de nós; para cousas tristes xa teño o traballo, que é un non parar de agresións verbais, físicas e morais», dime todas as noites mentres me «arranxa» as sabas cando xa estou case durmido. Non quere saber nada do meu.

Por iso as veciñas o saúdan e lle dan conversa por caridade sempre que o ven. «Aí vai o fillo da ministra de asuntos alleos», cochichan as máis linguaraces; outras ofrécenlle un pouco de parola ou a posibilidade de merendar e xogar na súa casa. Pero el, coma un cabalo desbocado, vai para a casa calado coma un morto, sen dicir nin chío.

Chicho xa estaba feito ao silencio da súa casa. Das seis ás once non soaba o teléfono nin chamaba ninguén á porta. Catro ou cinco horas diarias para as súas trasnadas, os seus enredos e as súas tramas: fumar de todo no sofá diante da televisión, alugar unha película porno na canle dixital, chatear con calquera sen o perigo inminente da nai inoportuna, darlle pequenos grolos á botella de whisky…

—Estudaches moito, Chicho?

—Coma sempre, mamá.

—Ves, rapaz, como poñendo os dous un pouquiño da nosa parte as cousas van ben? E por riba xa estás na cama. Que máis podo pedir? Es un ceo de neno.

—Mamá, na mesa tes unha carta da titora e da directora do colexio.

Nela contábanlle que, despois de catro intentos fallidos de poñerse en contacto con ela, tiveran que tomar a decisión de expulsalo do centro por lle rabuñar a cara varias veces a unha compañeira, por roubar na titoría de secundaria e por mallar nas persoas que vixían o comedor. «Como é imposible falar con vostede», remataba a carta, «non nos queda máis remedio que comunicarllo por medio deste escrito».

A nai deixouse caer, pasmada, na cadeira do ordenador, cravou a mirada no seu fillo, que, apático e desfeito, lía na cama un libro calquera, e decatouse de que fixera, coa súa implacable ausencia, un pequeno gran Polifemo.

—Mañá falamos, fillo.

E como naqueles letreiros que colgaban nas vellas tabernas do Madrid antigo («Hoy no se fía; mañana, sí»), a palabra da nai non soou xamais nos oídos do solitario Chicho. (José María Máiz Togores)