Boas noites, veciñas, veciños e demais fauna autóctona. Estamos hoxe aquí reunidos non para discutir de política, nin de fútbol, nin de quen fai mellor a empanada —aínda que todos sabemos a resposta—. Estamos aquí por algo máis importante: defender o noso ghalego. O de verdade. O que non se aprende en cursiños nin en PDF. O que nace no palleiro, á beira da lareira e no banco de pedra diante da casa.
Porque nós non dicimos «grazas». Nós dicimos «ghrazas». Non dicimos «gato». Dicimos «ghato», que parece que o animal sae xa máis espelido. E non é un defecto: é unha marabilla acústica. A gheada non é falar mal. Falar mal é pedir un café take away en Melide. A gheada é música de aquí. É o vento entrando pola porta da cociña. É o son das rodas do carro na lama. É a voz da nosa xente cando aínda non lle daba vergonza soar a aldea.
Porque ese é o problema: quixeron convencernos de que falar coma os avós era falar peor. E nós vimos hoxe dicir que non. Que peor é falar todos igual. Que peor é un idioma sen lama nas botas. Que peor é un galego tan perfecto que parece envasado ao baleiro. Nós queremos un galego con patacas na terra. Con galiñas cruzando polo medio da conversa. Con palabras que non saen no dicionario pero si na memoria.
Queremos o galego que che pregunta: «E logho, xa xantaches ou vas morrer en pecado?».
O galego que distingue entre orballo, poalla, babuxa e «cae unha auga que manda nabo».
Porque cando morren esas palabras non morre só un xeito de falar. Morre un xeito de mirar o mundo. E nós non estamos dispostos.
Non queremos pedir permiso para falar como aprendemos. Non queremos que nos corrixan desde unha oficina con calefacción. Nin que nos miren raro por dicir «ghaliña» mentres eles din «galiña» como quen le a etiqueta do xampú.
O noso ghalego ten curvas. Ten toxos. Ten retranca. Ten interrupcións porque pasou un tractor. E, sobre todo, ten vida.
Así que hoxe facemos aquí un xuramento solemne: seguir falando como nos pete. Con gheada. Con seseo. Con palabras herdadas. Con expresións imposibles. Con acentos que non pasan auditorías. Porque a lingua non é un museo: é unha leira. E as leiras hai que traballalas, non plastificalas.
Viva o ghalego da Maía! O de Vedra. O das aldeas. O das tabernas. O das avoas que nunca estudaron filoloxía, pero sabían exactamente como había que dicir as cousas.
E que nunca nos falte unha boa palabra da casa… nin alguén que a pronuncie con orgullo. Moitas «ghrazas». (José María Máiz Togores)
