ESTOU PERDIDO

Dinme que siga escribindo. Nun soño baixei ao fondo dun océano cheo de pirámides e leitos mortuorios. Nun deles lin que un gran tiburón branco devorara a miña literatura. Polo fondo andaban espallados os poemas que aínda levaban a sinatura dun tal José María Máiz Togores.

Espertei coa mesma sensación de andar perdido. A imaxe que mellor a explica é a dun corredor sen paredes onde as palabras se esvaecen antes de chegar ao papel. Quizais escribir sexa quedar alí un pouco, no limiar onde algo respira e aínda non sei o que é. Mesmo cando me perdo, oio unha música que segue a soar.

(José María Máiz Togores)