Quixera esquecer aquela obsesión. Todas as noites, porén, esperto coas mesmas horas precipitándose sobre min, coma se o tempo deixase na memoria unha silveira de gadañas. Hai idas e vidas alleas que se cruzaron coa nosa. Sigo tirando do fío, á procura dunha explicación para a parte da túa historia que nunca cheguei a coñecer.
O teu alento volve cando estou canso e recoñézoo en todo o que toco. Aínda así, o recordo daquelas palabras torpes acaba por facerme irrespirable o cuarto. Ás veces, despois de moito cavilar, penso que cheguei ao fondo da túa mirada. O único que sei con certeza é que cheguei alí exhausto.
(José María Máiz Togores)
