A MIÑA POESÍA E OLALLA

En 1995, cando publiquei o libro de poemas De donde nace mi voz, de ton moi persoal, eu era un aprendiz de poeta non tan novo. Tan descoñecido coma hoxe. O poeta José Félix Olalla tivo a xenerosidade de escribir o prólogo. Eu era daquela outra persoa, ou quizais a mesma con moitos menos anos, menos lecturas e menos conciencia do tempo, pero igual de tímido e reservado. El xa era por aquel entón un poeta con voz propia e cun camiño andado, autor de varios poemarios, como Ciudad pasajera, recoñecido pola súa calidade nada máis publicarse en 1981. Logo viñeron, entre outros, Los pies del mensajero, Después de nosotros ou, o último, coido, Más amor si más hubiera. Aínda así, aceptou acompañar aqueles poemas meus coas súas palabras, como quen se detén un intre a alumar o comezo do camiño doutro.

Co paso dos anos comprendín mellor o que significa ese xesto. Un prólogo non é só un texto que abre un libro: é tamén unha forma de confianza, un xeito de emprestar a propia voz para que outro comece a atopar a súa á intemperie da páxina.

Agora, mentres reviso, ordeno e refago moitos anos da miña poesía, volvo tamén a aquelas palabras súas. E desde esta distancia, que xa non é só de tempo senón tamén de vida e de escritura, todo adquire un significado máis fondo. Hai xestos cuxa verdadeira dimensión só aparece cando pasaron os anos e un mira cara atrás con outra luz.

Quero deixar aquí ese prólogo como quen abre unha porta antiga: con respecto, con memoria e cunha gratitude que o tempo non fixo máis ca agrandar.

ANTES DE CRUZAR O PÓRTICO

Se tomásemos a vella comparación da vida humana co curso dos ríos, o mero título deste libro faría referencia ás fontes, á rocha nai da que brota o manancial; e por iso, igual que sucede nos mananciais, os poemas aquí acúrtanse e os versos adelgazan bruscamente na axilidade das torrentes. O que se quere dicir dirase só con pinceladas, cos trazos esenciais que non se verten noutros leitos máis anchos, propios dun estado de ánimo diferente.

De donde nace mi voz é o segundo elo na cadea literaria de José María Máiz Togores, mestre e licenciado en Filoloxía Hispánica, que ten o privilexio de traballar nunha tarefa directamente vinculada á súa paixón polas letras. Hai un ano apareceu en Madrid o seu primeiro libro, Ya no es duda, nun rexistro distinto do actual, coma se pretendese ante todo liberar as urxencias dun corazón abatido e coma se agora retomase tranquilamente os pasos desde o principio.

Así, antes de comezar hai que atravesar un pórtico, unha poética que Máiz escribe como aviso para camiñantes, innecesario quizais para os máis atentos, pero esclarecedor para quen non leu a súa obra anterior.

Con leves e significativas diferenzas, o asunto deste pórtico repetirase no poema «La historia de mi vida», e mediante unha superposición comprenderemos que o anceio dun texto perfecto (vida literaria) equivale ao anceio dunha mirada (vida real), e que a necesidade de escribir equivale ao pranto ou quizais á devoción, pois a natureza do artista participa seguramente de ambas as materias. Do valor simbólico da mirada, como pequeno vestixio de eros, volverase falar no poema «Pasado y presente», e doutros atributos polos que tamén se dá a coñecer o amor (a voz, o nome, a pel) darase conta noutros lugares.

Aí, na páxina de arranque, están as que Máiz chama as súas tres ideas básicas: a existencia, o amor e a soidade, que, no retiro do seu cuarto, a través do traballo de ourive, irán atopando a súa síntese. Pero, como xa ocorría no libro anterior, será a noite o asunto recorrente. A noite, porque quizais nela, libre xa do traballo e das tarefas que a diario o reclaman, José María atopa a soidade para reflexionar, o amor para soñar e a existencia para poder ser. Se os sentidos permanecen abertos e se sobrepoñen ao cansazo, Máiz sabe que é na noite interior onde poderá buscar a plenitude das súas tres dimensións.

Atopámonos, polo tanto, cunha colección de poemas breves que ás veces se achegan ao haiku, formados acaso por unha soa frase —véxanse «Invitación» ou «Si la rosa»— ou por dúas oracións brillantes, contrapostas, coa rima apuntada, como sucede en «Incienso» ou «Declaración». Todos están escritos cun mesmo ton emocional que dá unidade ao libro e que, sen dúbida, é testemuño dun período concreto, de perfís moi marcados, na evolución de Máiz Togores.

Educadamente —eu diría que timidamente— estoupa ás veces un ton delicado de queixa, coma un breve laio, un pouco á maneira da malograda poeta italiana Antonia Pozzi: «Estoy en desventaja con el mundo», dirá Máiz; e noutro lugar, cando o amencer non resolva a pesada carga do insomnio, escribirá en voz alta: «Todo es confuso». Con todo, tamén afirmará en ton de proclama «quiero ser feliz en este lado de la tierra», aínda que o seu optimismo será circunstancial.

Porque neste libro non se quere ocultar o eu persoal, senón transparentalo, medirse cara a cara coa pluma que escribe a súa historia, nun combate sen refuxios, aínda que estes sexan lexítimos e mesmo convenientes na creación literaria. Foi Gerardo Diego quen explicou que a función social do poeta consistía precisamente en interpretar para os demais o ser profundo, o núcleo medular da existencia. Foron moitos os que falaron da xenerosidade e mesmo da nudez do artista, e outros os que subliñaron a necesidade de escribir para amortecer o curso do tempo.

Aínda que Máiz pretendeu sempre elaborar unha poesía pura, allea a modas literarias e desprovista de referencias culturais, neste libro inclúense —e é unha novidade— dous poemas de asunto mitolóxico dedicados a dúas ilustres ninfas perseguidas por Apolo: Dafne, metamorfoseada en loureiro, e Castalia, afogada na fonte á que deu nome. Ningún destes dous poemas escapará, porén, da referencia persoal. E no caso do segundo non será pola procura de inspiración (á fonte do Parnaso ían beber os poetas), senón máis ben pola pulsión primitiva do fillo de Zeus.

En fin, rematado este frugal refrixerio, atadas as sandalias e ben suxeito o bordón do peregrino, dispoñámonos xa a atravesar o pórtico de onde nace a voz clara deste poeta compostelán. (José Félix Olalla)

(José María Máiz Togores)