A LINGUA GALEGA

Cando penso na lingua galega véxote coma unha muller viva, feita de carne e vento. Hai palabras que levas no alento e que só entendín cando me fixeron falta. Achégome a ti cun canto que naceu á luz da túa estrela. O rumor da túa pel déixame no corpo un pracer antigo que me custa explicar.

Aínda é cedo para falarche dun pote que me saíse ben ou das penas que quixen traballar coma quen traballa o ferro na fragua. Traio soños que apenas botaron folla. Confío en que un día me collas as mans e recoñezas nelas o lume que fun gardando.

Gustaríame que unha muller coma ti escoitase, na intimidade do cuarto, unha cantiga feita coas palabras que me deu esta terra. Polo de agora hai un silencio de mosteiro. Cando pecho os ollos, o único que sinto é o aloumiño da túa respiración imaxinada.

(José María Máiz Togores)