BIOGRAFÍA LITERARIA DE JOSÉ MARÍA MÁIZ TOGORES (OU A ARTE DE CONTAR O QUE TODO O MUNDO NON SABE) (2026)

Nacín en Santiago de Compostela, cidade de pedra mollada e paciencia antiga. Son picheleiro, fillo lexítimo dunha cidade que brilla mellor baixo a chuvia ca baixo o sol. Santiago non se entende sen paraugas: a pedra húmida, o orballo, as noites de outono e o casco vello envolto en néboa teñen unha beleza lenta, melancólica e teimuda. O sol non estraga a cidade, pero a chuvia revélaa.

Nacín un quince de agosto. E si, chovía. Mentres a familia discutía que nome poñerme, o meu padriño evitou a tempo un sonoro Gumersindo e acabei chamándome José María Ramón Santiago. Eu, polo visto, manifestábame mediante felices explosións aerofáxicas que me deixaban sorrinte e satisfeito. Comezaba ben a cousa.

A miña infancia e adolescencia foron un percorrido por varios colexios madrileños: Agustinos, Estudio, Calderón de la Barca e Cardenal Cisneros. Hoxe dirían que era inquedo, hiperactivo ou emprendedor. Daquela simplemente parecía incapaz de permanecer quieto nun pupitre. Non fun un gran estudante. Talvez por iso, cos anos, acabei sendo profesor. A vida ten un sentido do humor bastante fino.

De 1988 a 2025 ensinei Lingua e Literatura no colexio Jesús-María de Madrid. Alí traballei, cansei, discutín, escoitei, aprendín, expliquei, equivoqueime e volvín empezar moitas veces. Alí atopei a miña segunda casa. E alí confirmei unha sospeita: moitos malos alumnos acabamos sendo profesores atentos porque sabemos exactamente onde cae un.

Educar é gobernar unha barca fráxil: fai falta algo de mariñeiro, algo de pirata, algo de poeta… e moita paciencia. Pero tamén hai que coidar a quen ensina, porque un profesor queimado non transmite lume, senón cinza. E os alumnos iso sábeno antes ca ninguén.

A literatura chegou a min tarde e con resistencia. Os clásicos caíanseme das mans aos quince anos. Ninguén mos explicou como eu precisaba. Despois apareceron Rosalía de Castro, Baudelaire, Vallejo, Bécquer, Rubén Darío, Jaime Gil de Biedma, Pessoa, Pondal, Gabriela Mistral, Valle-Inclán, Juan Ramón Jiménez, Curros Enríquez… e leváronme ao poema en prosa, que é un territorio enganoso: parece doado, pero non o é. Aí quedei vivir.

O meu galego naceu en dúas fincas familiares: A Peregrina, na Maía, e O Burgo, en Vedra, ao pé do Pico Sacro. Esas foron as miñas verdadeiras universidades sentimentais. Veráns interminables, romarías, maizadas, discusións familiares, namoros, risas, primeiras feridas e primeiras saudades. Bertamiráns tiña daquela trescentos habitantes. Hoxe ten dez mil. Eu sigo preferindo aquel silencio antigo.

O galego que me namorou non foi o normativo, senón o da aldea, musical, cheo de xiros e vida. Aprender galego foi aprender unha lingua sen academia, sen normas claras, sen mapa. Talvez por iso me atrapou tanto.

Amancio Prada descubriume a verdadeira Rosalía de Castro, non a sensiboleira que nos contaban. E aí houbo un antes e un despois.

Uso seis pseudónimos: Camay, Chioleiro, Filoso, Xaovín, Suboebaixo, Tantometén e Sonmeigo. Non é extravagancia: é necesidade. Cada nome é unha voz distinta, unha idade distinta, unha maneira distinta de mirar o mundo.

Camay foi a infancia.

Chioleiro naceu nas romarías.

Filoso herdou sangue.

Xaovín foi inseguridade.

Suboebaixo resume o meu carácter galego: nunca se sabe se subo ou baixo.

Tantometén é liberdade: xa non me importa nada.

Sonmeigo é o máis querido desta última etapa da miña vida.

Escribo para entenderme, para ordenar a memoria e para reescribir a vida. Corrixo demasiado. Nunca hai versión definitiva. Mañá podería escribir outra biografía cos mesmos recordos e outro sentido.

Nos meus blogues está organizada toda a miña obra literaria en distintos libros. Certo é que algúns deles están nun estado moi precario, pero todo se andará. O meu obxectivo é o mesmo que cando comecei cun blogue hai case dous anos: seguir colgando textos. Cada libro é un territorio distinto, pero todos forman parte do mesmo mapa: memoria, literatura, Galicia, ensino, música, recordos e vida.

Os meus libros nos meus blogues recuncar.com e sonmeigo.com están estruturados así:

  1. Á SOMBRA DO VERBO (OU A ARTE DE VER COMO O TEMPO PRATEA A MIÑA VIDA) (PROSA) (1994-2026) (REMATADO). Podes lelo en recuncar.com.
  2. APUNTAMENTOS DUN OCASO CREPUSCULAR (OU A ARTE DE ENGANAR O MUNDO COA MIÑA PRESENZA) (PROSA) (2026). Podes lelo en recuncar.com.
  3. CANDO CHOVE POR DENTRO (OU COMO MOLLAR SEN AUGA OS SENTIMENTOS) (1994-2026). Podes lelo en sonmeigo.com.
  4. FOTOS E IMAXES COMENTADAS (OU A ARTE DE FACER UN COMENTARIO SUBXECTIVO DUNHA IMAXE). Podes lelo en recuncar.com.
  5. GALICIA QUEDA AO NORTE (OU A ARTE DA SAUDADE DUN PICHELEIRO AUSENTE) (1994-2026). Podes lelo en recuncar.com.
  6. HATROZ (OU A ARTE DE ESCRIBIR UNHA NOVELA SEN ARGUMENTO) (REMATADO) (ABRIL-2026). Podes lelo en recuncar.com.
  7. MÚSICA E CANCIÓNS COMENTADAS POR JMMT (OU A ARTE DOS COMENTARIOS SUBXECTIVOS DUNHA CANCIÓN). Podes lelo en recuncar.com.
  8. PEITO DE BRONCE (OU A ARTE DE CONTAR A VIDA DUN HOME DE ALDEA) (PROSA) (CASTELÁN) (2026). Podes lelo en recuncar.com.
  9. PEITO DE BRONCE (OU A ARTE DE CONTARES A VIDA DUN HOME DE ALDEA) (PROSA) (GALEGO) (2026). Podes lelo en sonmeigo.com.
  10. POETARIO (OU A ARTE DE CONVERTER O INSOMNIO E OS PENSAMENTOS EN LITERATURA) (1994-2026). Podes lelo en sonmeigo.com.

Todos estes libros e textos podes lelos nos meus blogs www.recuncar.com e www.sonmeigo.com.

Se chegaches ata aquí, xa compartimos algo importante: tempo, memoria e palabras. E iso, aínda que non o pareza, é moito.

Para contactar comigo tes estes dous correos: jmmaiz@telefonica.net e maiztogores@gmail.com

Maio do 26

Descubre más desde SONMEIGO

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo