SEN RESPOSTA

Acariciáchesme como a un neno. O que nun principio considerei un cándido piropo, aos poucos minutos vin como un ferinte menosprezo. Estabamos no noso escarallado pub da rúa Hermosilla. Si. Aquel. Si. O do cheiro, segundo ti, a prurito de vulgaridade sucia e mendicante.

Sabes? Es letal coas comparacións. Quixen a miña mellor versión para a túa fragrante e balsámica pel. E ti que se un neno mimado. Deus! E eu, hológrafo dun estrañado e vencido home, morto antes de recoñecer cada poro da túa pel.

E ti que que exsudación de vulgaridade. E eu que se un murmurio, que se unha caricia, que se unha invitación. E ti, palabras sen compromiso. E eu, que é o noso recóndito espazo para as nosas confesións. E ti que se as túas medias de cristal valen máis ca as consumicións deste garito.

E eu, esmirrado e raquítico ao teu lado, pedinlle ao home do piano que tocara a nosa canción. E ti, que xa non é miña… dixeches. (Do libro Cando chove por dentro ou como mollar sen auga os sentimentos no blogue sonmeigo.com

Descubre más desde SONMEIGO

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo