IDEALIZACIÓN

Non te idealizo. A idealización é unha forma de covardía. Prefírote real. Con sombras. Con contradicións. Con lugares onde non me deixas entrar. Hai algunha sombra en ti —ou no que imaxino de ti— que me mantén alerta. Inquedo. Esperto.

Escríboche isto porque escribir é unha forma de achegarme a ti sen tocarte. E a distancia, cando hai desexo, tamén é unha forma de erotismo. Non todo desexo quere corpos. Algúns só queren durar. Queren imaxinar o teu corpo espido sen tocalo. Queren deixarte sen roupa dentro da mente.

Non busco que me respondas. Nin sequera que me leas con agarimo. Bástame con que existas nun pensamento meu e que quizais eu exista nun teu. Aínda que sexa un segundo. Aínda que sexa co corpo.

Se algunha vez sentes que alguén te mira desde as palabras, sen mans, sen ollos, con paciencia, imaxina que son eu. Pode que sexa eu escribindo outra vez, sen saber se estás onde te imaxino.

Esta é a miña maneira de dicir: non che debo nada, non me debes nada, pero cando a miña mente te espida en silencio, o mundo vólvese un lugar moito máis lento. E moito máis perigoso. (Do libro Cando chove por dentro ou como mollar sen auga os sentimentos  no blogue sonmeigo.com

Descubre más desde SONMEIGO

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo