En defensa da barriga cervexeira cun ataque aos que se burlan de min.
Teño barriga, si, e non é ningún accidente nin descoido vergoñento. Está aí porque foi cultivada con constancia, cunha devoción case artística, a base de brindar, repetir e celebrar. Nada desa preguiza que tanto vos gusta imaxinar nin de excesos grotescos; o meu ten máis que ver cunha fidelidade alegre á escuma e ao momento compartido. Mentres outros se empeñan en comprimirse en moldes estreitos, tensando o ventre coma se a vida fose unha competición de sequidade, eu levo esta curva con certa dignidade, como quen acepta que a cebada tamén deixa pegada… e que pegada.
Porque non, non é unha simple barriga. É máis ben unha especie de arquivo vivente, un escudo dourado onde quedaron rexistradas as pequenas vitorias de cada rolda, cada conversa longa, cada risa que se alongou máis do debido. E aí segue, resistindo ao tempo cunha serenidade que xa quixeran moitos. Así que adiante, criticade se queredes, vós, os enxoitos, os disciplinados ata o bocexo. Contade a vosa historia de privacións. Eu, mentres tanto, permítome o luxo de rir sen présa, con amplitude… e de seguir brindando por esta gloriosa redondez. (Do libro Cando chove por dentro ou como mollar sen auga os sentimentos no blogue sonmeigo.com)
